Lisboa descobre os mundos de Barriga Verde

A duodécima edición do Festival Internacional de Marionetas e Formas Animadas de Lisboa estivo chea de celebracións. Por unha banda, o feito de cumprírense os 350 anos do nacemento de Punch and Judy motivou a presenza no festival de dúas eminencias no mundo dos professors: Rod Burnett e Penny Francis.  Pola outra, acolleu a estrea do Teatro de Dom Roberto con Sara Henriques como manipuladora, tomando así o relevo do mestre Jõao Paulo Seara Cardoso. Todos eles son protagonistas da viaxe polo mundo do boneco popular europeu de luva que relata Morreu o demo, acabou a peseta, así que a ocasión era perfecta para unha primeira presentación do documental. Barriga Verde e o seu mundo fascinaron ao público que asistiu á proxección o pasado 19 de maio na Galería Boavista, non moi lonxe do Museo das Marionetas de Lisboa e da sede da Tarumba, a compañía que desde hai doce anos organiza este completísimo festival. O mundo lusófono abriu os brazos á nosa historia e nós, xa se sabe, non recusamos o abrazo!