Na procura das raíces de Barriga Verde: o Nápoles de Pulcinella

A rodaxe do noso documental sobre o monicreque galego levounos a pasar o Carnaval deste ano nada menos que a Nápoles, berce de Pulcinella, o personaxe de títeres do que bebeu toda a tradición europea. Pero, do mesmo xeito que ocorre en Galiza con Barriga Verde, a tradición das guaratelle, denominación tradicional do teatro de luva napolitano, tamén precisou que alguén o rescatara do esquecemento. Grazas a Bruno Leone ou a Salvattore Gato, que conseguiron que os últimos titiriteiros populares lles transmitisen a súa técnica, esta arte segue viva. Non sen dificultades, ambos os dous levan a cabo interesantísimos proxectos para devolver o teatro e os títeres ás rúas de Nápoles e facerlles ver ás institucións o seu valor como ferramentas de dinamización sociocultural. Durante catro intensos días, acompañamos a Bruno Leone no seu obradoiro, durante os distintos espectáculos que representou polas rúas xunto cos outros membros da asociación Vico Pazzariello, e asistimos a unha clase na que Salvattore Gato ensina a arte dos títeres a mozos e mozas dun dos barrios máis deprimidos da cidade.

Con anfitrións así, como non nos íamos namorar  desta cidade?

Nas próximas semanas viaxaremos a Brno, na República Checa, para coñecer de perto a Kasparek, outro curmán de Barriga Verde, e despois a Lyon, onde nos espera Guignol, o títere coa lingua máis afiada!!