Proxectos

 


 

 

Campo Lameiro, arte na paisaxe

 

Mediametraxe documental sobre os petroglifos deste concello pontevedrés, sede do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre. Este video foi producido para as visitas guiadas ao Parque, como un xeito de facer partícipes aos veciños e veciñas de Campo Lameiro do seu rico patrimonio. Son eles e elas, por tanto, os protagonistas deste documental, xunto con arqueólogos, restauradores e arquitectos, que achegan a ollada técnica. Esta peza, de 40' de duración, contou co patrocinio da Dirección Xeral do Patrimonio da Xunta de Galicia.

 

 

 

De hoxe nun ano!

 

Documental divulgativo sobre o ciclo do ano tradicional galego. Esta peza forma parte do libro-CD-DVD "Trece Lúas", editado pola Asociación de Gaiteiros Galegos. Concibido inicialmente como un "como se fixo" o disco, a importancia do tema deste, o ciclo tradicional do ano, rexido polos labores do campo e as festas en honor da natureza en cada estación, levou ao equipo de TINTIMÁN a proxectar unha peza de maior magnitude. Os protagonistas son os nenos e nenas e os músicos que participaron na gravación do disco, xunto co antropólogo Clodio González. O resultado é un entretido traballo para públicos míudos e maiores.

 

 

 

3naRAIA (O Piloto)

 

Programa cultural onde tres personaxes do mundo das artes da Lusofonía conversan en cada capítulo, sobre aspectos estéticos da súa actividade. O capítulo piloto xirou arredor do drama, e contou coa participación do galego Quico Cadaval, coñecido director de escena e contador de historias, o portugués Jõao Paulo Seara Cardoso, director da Companhia de Títeres do Porto, e a dramaturga e poeta brasileira Renata Pallottini, autora, entre outras pezas, de "O crime da cabra".

 

Apash, os de fóra

Unha realizadora de documental entra nun mundo pouco frecuentado por occidentais: a Amazonía peruana. Segue os pasos dun atípico aventureiro, un empresario cárnico retirado, o galego Antonio Abreu. Eles son Apash, na língua xíbara: "os que veñen de fóra".

Antonio Abreu ten tres tarefas que realizar: entregar a doación da Fundación do Clube de Fútbol Barcelona, unhas camisetas para nenos de comunidades awajún; atoparse co seu amigo indíxena Alfonso Graña, posible fillo dun emigrante galego glorificado no seu día como "rei dos xíbaros"; e pedir aos seus amigos de Pluspetrol Perú que colaboren no desenvolvemento das comunidades amazónicas. As tres misións encerran contradicións. O xeito de resolvelas implica escoitar e combinar explicacións dadas tanto por indíxenas como por expertos amazónicos e, ás veces, por políticos.

Mentres tanto, a viaxe avanza do oeste ao leste: desde Bagua a Iquitos, seguindo o curso do río Marañón.


barraca BV

Morreu o Demo, acabouse a peseta

O proxecto máis recente de TINTIMÁN  é unha longametraxe documental sobre unha familia de titiriteiros que percorreron durante os anos da II República e a Posguerra as feiras galegas, levando na sua barraca "Melodías de España" o espectáculo de títeres de Barriga Verde, un personaxe moi popular e que lembra ao Pulcinella napolitano, o Punch inglés, o Don Roberto portugués, o Kaspar alemán... A derradeira mostra de teatro popular que houbo en Galiza forma parte, xa que logo, dunha extensa tradición europea de títeres de luva; onde o heroe de cachiporra se enfronta ao establecido, provocando as delicias do público que proxecta nel as súas ansias de rebeldía. O documental foi concluído no verán de 2012, tras unha intensa rodaxe que nos levou por distintos países de Europa. O filme inicia agora o seu percorrido por festivais e  encádrase nun proxecto máis amplo, en colaboración cos titiriteiros de Viravolta, quen se encargaron de reconstruír a barraca da familia Silvent e o espectáculo de Barriga Verde. Queres saber máis do Proxecto Barriga Verde?