Viaxamos a Londres para gravar os títeres de Punch

Parte do equipo de Tintimán audiovisual desprazouse o pasado maio a Londres, esquivando milagrosamente a nube de cinsa volcánica. O motivo, a celebración da MayFayre no barrio de Covent Garden, unha celebración anual que comemora a chegada de Pulcinella á capital inglesa. O nove de maio de 1662, un gentlemen amante das artes, Mr. Samuel Pepys, anotou no seu diario que vira en Covent Garden "unha peza italiana de marionetas, moi fermosa, a mellor que nunca vira". Aquel artista presentábase ao público londinense como "Signor Bologna, alias Pollicinella". O éxito dos seus bonecos provocou a chegada de moitos outros titiriteiros e que o público acabase adaptando a nome do personaxe. pasando do Pulcinella de difícil pronuncia ao Punch adaptado á dicción inglesa. Provabelmente aquel primeiro Punch era unha marioneta de fío, mais ao cabo dos anos, e despois de numerosas transformacións que levaron a crear un universo e unhas historias especificamente inglesas para o heroe de slapstick, a luva converteuse na técnica máis empregada para este tipo de teatro. Igual que hai cen anos, os teatriños deseñados para unha soa persoa e para as representacións de rúa, encheron o adro da igrexa de Sant Paul, en Covent Garden. E alí estivo Tintimán, recollendo imaxes do desfile titiriteiro que se celebra ao comezo da xornada, e das actuacións dos títeres. Fixemos tamén unha entrevista a Glyn Edwards, membro dunha longa estirpe de professors (así é como se nomean os titiriteiros que rempresentan a Punch) que segue actuando frecuentemente para os bañistas da cidade costeira de Brighton. Aproveitamos a viaxe para visitar a Central School for Speech and Drama, onde os futuros monicrequeiros reciben unha formación universitaria moi completa, que xa nos gustaría ter en Galiza. Penny Francis, profesora nesta escola e especialista na historia das marionetas, concedeunos unha entrevista para o documental.

Despois de Londres, o noso percorrido para recoller mostras das distintas tradicións de títere de luva do mundo levounos a Segovia e a Redondela... Pero iso xa é outra historia.

Terémosvos informadas!